Sunday 05 de May de 2024

As IX Xornadas do Lacón con Grelos “Lacónicas” estarán presentes en 31 restaurantes da cidade


Os establecementos ofrecerán do 8 de febreiro ao 3 de marzo menús especiais, con posibilidade de recollida e servizo a domicilio e ofertas para grupos

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá as IX Xornadas do Lacón con Grelos, coñecidas como “Lacónicas”, que se desenvolverán entre o 8 de febreiro e o 3 de marzo en 31 establecementos hostaleiros da cidade. O edil estivo acompañado no acto pola concelleira de Turismo, Diana Cabanas. Tamén asistiron representantes de diferentes negocios participantes: La.Con.Fusión (Manuel Souto), Lois (José Álvarez), Central Park (Fernándo Estévez), O Carrusco (Víctor Loureiro), Hünico (David Núñez e Luciana Casavilca) e Rincón del Reino (David Mariño).

“Por tradición, somos unha cidade que vive estas datas de maneira moi intensa, xa sexa enchendo as rúas de disfraces ou nas casas e restaurantes, gozando dunha boa lacoada”, indicou Castro durante a súa intervención. O concelleiro destacou que “desde o Goberno de Inés Rey trabállase da man do sector hostaleiro para ofrecerlles este tipo de iniciativas, que tamén serven para que a cidadanía goce de menús de lacón con grelos a prezos que van dos 20 aos 40 euros”.

Este evento, organizado polo Concello, contribúe a dinamizar cada ano o Entroido na Coruña e exaltar ao mesmo tempo a riqueza gastronómica desta época. Todos os menús deberán estar elaborados principalmente con produtos galegos e de quilómetro cero. Os menús deberán estar compostos por un primeiro tradicional (sopa ou similar), a lacoada, sobremesa tradicional (filloas e/ou orellas ou postre típico do Entroido) e bebida (auga/refrescos/cervexa/adega de denominación de orixe galega).

Os establecementos que ofrezan servizo a domicilio ou recollida no local deberán ofrecer un servizo sostible con recipientes e materiais respectuosos co medio ambiente (recipientes biodegradables, bolsas de papel etc). Tamén hai establecementos que teñen ofertas especiais para grupos.

Nesta edición de Lacónicas participan:
1. A FUEGO LENTO
2. A TABERNA DE CUNQUEIRO
3. AJETREO TABERNA
4. ÁNCORA
5. ASADOR CORUÑA
6. ATTICA21 CORUÑA
7. BAR AMSTERDAM ORZÁN
8. BAR CIUDAD
9. BODEGA ÓRDENES
10. CENTRAL PARK
11. CERVECERÍA MONCHO
12. COSECHA81
13. DOS RAÍCES
14. GALIUR
15. LA TRIBU
16. LA.CON.FUSION
17. LOIS

18. MAHARA TABERNA ROCK
19. MAREA BAJA
20. MESÓN DE HERVES
21. MESÓN O’BO
22. CARRUSCO
23. PORTELA
24. RESTAURANTE EIRA
25. RESTAURANTE ESENCIA
26. RESTAURANTE HÜNICO
27. RESTAURANTE MORRIÑA
28. RINCÓN DEL REINO
29. TABERNA O FREIXO
30. TAPA NEGRA
31. VERMUTERÍA CHITÍN